Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Lousame convoca a segunda edición de “Engánchate ao bo trato” para chegar a todos os alumnos/as do CPI Cernadas de Castro


 

A Concellería de Igualdade do Concello de Lousame organiza un ano máis o proxecto “Engánchate ao bo trato”, unha iniciativa de prevención da violencia de xénero que este ano estará centrado na sensibilización sobre o bo trato entre iguais. Trátase dun proxecto organizado polo Concello de Lousame en colaboración co CPI Cernadas de Castro e co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.

 

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, sinala que “a violencia de xénero é unha conduta aprendida, empapada de valores culturais machistas e que se pode modificar mediante a intervención educativa, con proxectos de prevención da violencia de xénero que sensibilicen aos nosos nenos e nenas sobre a importancia do bo trato entre iguais”. Por iso, o proxecto “Engánchate ao bo trato” ten como obxectivo promover actitudes, comportamentos e valores igualitarios entre os nenos e as nenas de Lousame, que lles ensinen a superar os estereotipos e roles sexistas, e que faciliten así unha relación positiva entre o alumnado.

 

Chegar a todo o alumnado

 

Durante o mes de novembro, os alumnos e alumnas de 2º, 4º e 6º de Primaria e 2º e 4º de ESO do CPI Cernadas de Castro participarán nun dos 5 obradoiros programados en “Engánchate ao bo trato”, xa que están pensados de acordo coa idade dos pequenos: “Colorín, colorado o conto cambiado”, “Pon de moda o bo trato”, “O mundo cambiámolo nós”, “Publicidade en Positivo” e “Ti = Eu”. Deste xeito, e ao ser o segundo ano consecutivo no que se organiza este proxecto, o Concello de Lousame acredita que todos os alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro terán cursado este obradoiro de prevención de violencia de xénero.

 

Nestes obradoiros aprenderán a importancia de manter actitudes, comportamentos e valores igualitarios, á marxe dos estereotipos e roles sexistas que nos transmite a educación cultural. Tamén se potenciará unha relación positiva entre iguais, abordando cos adolescentes o significado das relacións de parella e os tópicos esenciais do amor, proporcionándolles así ferramentas que lles permitan diferenciar unha relación feliz e positiva dunha relación de violencia de xénero.

 

Implicación da veciñanza

 

Unha vez rematados estes obradoiros no CPI Cernadas de Castro, o Concello de Lousame convidará á veciñanza, e en especial ás familias dos nenos e nenas que participen neste proxecto, a que se acheguen o sábado 22 de novembro canda os seus/súas fillos/as para presenciar os resultados deste traballo realizado polo alumnado para a promoción do bo trato entre iguais, como ferramenta da prevención e sensibilización sobre a violencia de xénero.

 

“Engánchate ao bo trato” é unha inicativa organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Lousame en colaboración co CPI Cernadas de Castro e co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. Éste será o segundo ano consecutivo no que se imparte, o que garante que todos os alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro terán participado neste proxecto ben en 2013 ben en 2014.